Telegram desaparece temporalmente da App Store

xoves, 1 de febreiro do 2018 Marcus Fernández

A aplicación de mensaxería Telegram está a reinventarse, para poder ser unha ferramenta máis rápida, áxil e doada de utilizar, polo que deciron emprender un novo proxecto, Telegram X, que supòn unha reescritura da aplicación dende cero, ou sexa, prescindindo de compoñentes que foron herdando ao longo dos anos e que supoñen un lastre. Deste xeito pódese descargar Telegram X para Android e para iOS, aínda que esta última versión, xunto co Telegram Messenger de sempre, desapareceron durante varias horas da App Store por achegar contidos inapropiados aos usuarios.
A tenda de aplicacións de Apple ten normas que teñen que cumprir as aplicacións con contidos xerados polos usuarios, que dende Telegram parecen ter incumprido, aínda que reaccionaron a tempo para corrixir as súas aplicacións e así estar pouco tempo fóra da App Store. Os responsables da aplicación non detallaron os motivos da expulsión temporal da aplicación, pero parece ser un simple accidente, ao non incluír en Telegram medidas para o control de contidos.
Deixando este incidente aparte, agora os usuarios teñen dúas opcións: seguir a empregar a aplicación orixinal ou dar unha oportunidade a Telegram X, un experimento que, de funcionar ben, anticiparía o futuro da aplicación principal.

PUBLICIDADE