Telefónica trae a España o Toshiba TG01

luns, 25 de maio do 2009 Marcus Fernández

As exclusividades na comercialización de terminais de telefonía móbil teñen moito peso á hora de captar clientes (especialmente a través de portabilidades), e sabendo iso Telefónica anunciou hoxe a súa alianza con NTT DOCOMO para achegar a España o móbil Toshiba TG01, que estará dispoñible a partir de xuño tanto en España coma no Xapón, mantendo Telefónica a súa exclusividade ata setembro.
O Toshiba TG01 presentouse en febreiro no Mobile World Congress de Barcelona coma un terminal cunha pantalla de grande tamaño e unha potencia moi superior á dos seus competidores (o que permítelle, entre outras cousas, soportar Flash no seu navegador web), de xeito que sería un rival de peso para competir co iPhone e os últimos terminais de HTC.
Este impresionante terminal mide 129 x 70 x 9,9 milímetros, pesa 129 gramos, a súa pantalla táctil de 4,1 polgadas ten unha resolución de 800 x 480 píxeles, conta con cámara de 3,2 Mpíxeles, reproduce diversidade de formatos multimedia (MP3, AAC, AAC+, AMR-NB, AMR,WB, WMA, WAV, H.263, H.264, MPEG4 e WMV), ten 256 Mb de RAM e utiliza como sistema de almacenamento tarxetas microSD de ata 32 Gb, conta con conectividade Bluetooth, Wi-Fi e HSDPA/HSUDPA (de ata 7,2/2 Mbps), incorpora A-GPS, a súa batería permítelle aguantar ata 11,5 días en espera e 5 horas en conversa e curiosamente funciona co sistema operativo Windows Mobile 6.1, o que pasa desapercibido para o usuario, xa que a súa interface de usuario está camuflada de xeito que conta cun nivel de personalización e optimización ao seu uso con pantalla táctil superior á doutros terminais semellantes.
O prezo ao que chegará este móbil con Telefónica será entre 0 e 199 euros, dependendo do contrato ao que se asocie (e se é adquirido a través do programa de puntos ou de portabilidade).

PUBLICIDADE