O Toshiba TG01 competirá cos últimos móbiles de pantalla táctil

martes, 3 de febreiro do 2009 Marcus Fernández

O Mobile World Congress deste mes promete ser moi interesante pois nesta edición a meirande parte dos fabricantes terían renovado a súa oferta de terminais para competir cos móbiles de referencia na actualidade (coma o iPhone 3G ou o Nokia 5800 XpressMusic).
Entre os novos móbiles que se poderán ver en Barcelona estará o Toshiba TG01, que conta cunha pantalla táctil de 4,1 polgadas cunha resolución de 800 x 480 píxeles, conectividade HSPA, Wi-Fi, GPS (con A-GPS), 512 Mb de memoria interna ampliables mediante tarxetas microSD/microSDHC (de ata 32 Gb) e o sistema operativo Windows Mobile 6.1 coa interface de uso Tosh 3D GUI que fai máis atractiva a súa experiencia de uso.
Amais, o Toshiba TG01 sería o primeiro móbil en integrar o procesador Snapdragon a 1 GHz, que o convertería no teléfono intelixente máis potente do mercado. A súa alta resolución de pantalla permite ver con bastante fidelidade moitas páxinas web, e para facilitar a súa navegación polas mesmas emprega un trackpad virtual en vez de usar directamente o dedo sobre a pantalla para facer clic (o que podería ser unha interesante innovación). O navegador web integrado sería o Internet Explorer Mobile 6, que inclúe soporte completo de Flash, á vez que tamén conta con accesos directos a Facebook, Google e YouTube.
Para rematar, este móbil de Toshiba tamén reproduce vídeo en DivX, redondeando un terminal que podería ser un digno rival para o iPhone 3G ou o HTC Touch HD, aínda que haberá que agardar ao verán para velo nas tendas.


Demostración da interface de uso do Toshiba TG01

PUBLICIDADE