Telefónica ofrécelles ós seus clientes inmigrantes 60 minutos en chamadas de balde

martes, 26 de febreiro do 2008 Raquel Noya

Telefónica Movistar vén de lanzar un novo módulo de aforro Puente Movistar dirixido ás persoas estranxeiras que residen en España e que consiste en agasallalas (por darse de alta na compañía) cunha hora de chamadas de balde a calquera fixo ou móbil do país escollido.
Os clientes de Puente Movistar obterán asemade ata 10 euros cada mes para chamar de balde ó pais seleccionado, que vén sendo o equivalente ó 20 % do importe de tódalas chamadas nacionais que teña efectuado no mes anterior a outros números da compañía.
Os interesados poden solicitar no 4550 o saldo do regalo de benvida, así como o agasallo mensual de tráfico e recibirán no seu móbil unha mensaxe de texto coa información que precisan para darse de alta no servizo.
Puente Movistar carece de cota mensual e ata o vindeiro 18 de marzo a alta para os tres millóns de persoas estranxeiras que se poden beneficiar do mesmo é totalmente gratuíto. Os países nos que funciona este servizo de Telefónica son: Romanía, Bulgaria, Ucraína, Alemaña, Reino Unido, Arxentina, Brasil, Colombia, Ecuador, Bolivia, Perú e Marrocos.
O prezo da chamada para darse de alta no 4550 é de 0,15 euros+IVA ou de balde a través do 609 de Atención ó Cliente.

PUBLICIDADE