Telefónica incrementará nun 0,7% de media os seus prezos

venres, 3 de outubro do 2008 Fernando Sarasketa

Os usuarios dos servizos que Telefónica achega para acceder á Internet con banda larga van asistir a unha subida dun 0,2% nas súas facturas do ano que vén. Este incremento será máis elevado (do 1,3%) para quen non teña ADSL nin tarifa plana de voz, ficando a media da modificación dos prezos por fogar nun 0,7%. O motivo desta subida por parte da operadora española: deixar máis marxe para obter unha meirande recadación. Segundo se apunta en medios como ADSLZone, onde semella que non vai haber cambios é nos prezos de fixo a móbil nin tampouco nos produtos conxuntos de telefonía, Internet e televisión nas súas diferentes modalidades: Duos, ADSL, Trios e máis Imagenio.
Asemade, sinala a devandita web, non é preciso albiscar no futuro para rastrexar iniciativas semellantes da compañía dirixidas a un incremento dos ingresos. De feito, dise na dita canle, a operadora xa comezou a cobrar servizos que antes eran de balde, como son a identificación de chamada, que logo do vindeiros mes figurará na factura con 0,50 euros a maiores. Ou, tamén, o cambio de titular de liña.

PUBLICIDADE