Telefónica distribúe, de xeito exclusivo, o servizo de correo móbil de Nokia

xoves, 2 de abril do 2009 Raquel Noya

As empresas de telecomunicacións, Nokia España e Telefónica España, veñen de asinar un acordo de colaboración polo cal lanzarán ao mercado (próximamente) a solución de correo electrónico de Nokia, a Nokia Messaging, unha ferramenta que a operadora nacional será a primeira en comercializar, nunha aposta polo “desenvolvemento de Mobile Internet no noso país”.
O servizo ofrecerase a través unha tarifa plana que facilitará o acceso ás contas de correo dos usuarios de xeito doado e intuitivo.
Nokia Messaging simplifica a movilización do correo electrónico e permite xestionar e acceder directamente varias contas, simplificando o proceso e eliminando pasos intermedios.
A tecnoloxía Push, coa que funciona o mecanismo, asegura a entrega rápida de correos directamente no dispositivo móbil e é compatible con miles de provedores de correo Internet (ISPs) así como con terra.es e telefonica.net.
O servizo permite, asemade, que os usuarios configuren, accedan e usen os seus buzóns persoais de forma rápida e doada por unha tarifa que non supera os 6 euros ao mes (prezo por empregar unicamente o correo electrónico).
Con este servizo, Nokia e Telefónica, buscan “cubrir a crecente demanda por parte dos consumidores de poder acceder en todo momento e en todo lugar á información dispoñible nas súas contas de correo electrónico”.
O obxectivo é, segundo afirman, “democratizar o uso do correo electrónico no móbil e levar a movilización do correo ao maior número posible de usuarios”.
Entre os beneficios para o usuario, os responsables do servizo destacan:
- A facilidade de configuración da ferramenta, grazas a que unicamente require introducir a conta de correo e o contrasinal.
- A integración total entre a solución e o terminal (coa vantaxe de ter unha interface coñecida por tódolos usuarios de terminais Nokia).
- A admisión de ata 10 direccións de correo electrónico.
- A navegación doada pola bandexa de entrada.
- A admisión de direccións de correo de Windows Live Hotmail, Yahoo!, Gmail e outros.

PUBLICIDADE