Telecon e o COETG imparten unha xornada sobre o potencial das TIC no vieiro do aforro enerxético

venres, 12 de abril do 2013 Fernando Sarasketa

Jacobo Penide, director de Desenvolvemento de Negocio de Telecon

A firma galega Telecon e o Colexio Oficial de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia (COETG) veñen de acadar un acordo para desenvolver unha xornada formativa de carácter técnico sobre o papel que poden xogar as Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (TIC) na mellora da eficiencia enerxética en empresas, entidades públicas e edificios. Nesta xornada participará como relator Jacobo Penide, enxeñeiro de telecomunicación pola Universidade de Vigo, Executive MBA pola Escola de Negocios Caixanova e director de Desenvolvemento de Negocio de Telecon. Desenvolverase o día 18 de abril a partir das 16:30 horas no Hotel Porta do Camiño de Santiago de Compostela.
Telecon, recentemente de actualidade en Código Cero pola súa adhesión a unha nova alianza-plataforma empresarial dirixida á procura de novos mercados, é unha empresa tecnolóxica galega especializada no deseño, desenvolvemento, fabricación e comercialización de redes intelixentes de seguimento e control aplicadas á seguridade, a eficiencia enerxética e a telemedida. “A nosa compañía”, informa Jacobo Penide “está a ter un gran éxito na implantación da súa plataforma tecnolóxica Ecohub, que ofrece a empresas e entidades de calquera sector unha auténtica solución intelixente e personalizada para optimizar a xestión enerxética e reducir custos”. Ecohub, como dixemos recentemente con motivo da súa presentación, é un sistema de xestión intelixente que, en termos concretos que nos axuden a entender o seu radio de alcance, permitiríanos rebaixar a nosa factura da luz até nun 20%. Ecohub, que tamén é marca distintiva de mercado, é aplicábel igualmente a outros subministros para o fogar ou a empresa, como a auga ou o gas. Basicamente, o que fai é identificar e corrixir ineficacias; recibir alertas de incidencias e documentar o gasto real para comparalo coa factura que envía a compañía que achega servizo. Estas son algunhas das vantaxes que o sistema Ecohub ofrece a empresas, organismos públicos e edificios. E todo isto, sinala Telecon, en beneficio de algo que nos interesa a todos, e máis nestes tempos de menores orzamentos, de estreiteces económicas e, cómpre non esquecelo, de fraxilidade medioambiental (o factor ecolóxico, que cada vez nos preocupa máis, e está ben que así sexa). Falamos do aforro enerxético.
Segundo informa Telecon, só cunha primeira corrección de problemas e unha optimización do funcionamento dos equipamentos, é perfectamente posíbel chegarmos ao 20% de redución na factura.

PUBLICIDADE