Telecon únese á Plataforma Contract para ampliar mercado fóra das nosas fronteiras

martes, 26 de marzo do 2013 Redacción

Os integrantes da Plataforma Contract no IGAPE

Telecon nace na Coruña en 1984, a día de hoxe é unha empresa que é quen de achegar solucións tecnolóxicas integrais e competitivas a fabricantes de sistemas de seguridade e comunicacións, operadores de servizos, integradores e instaladores de sistemas. Emporiso, o presente de Telecon pasa por centrar esforzos no negocio internacional e para iso vén de adherirse -xunto a outras cinco firmas galegas- á Plataforma Contract, unha agrupación empresarial colaborativa cuxo principal obxectivo é desenvolver proxectos internacionais no mercado dos edificios e construcións de uso colectivo.
Así, os integrantes da plataforma son especialistas en actividades complementarias: mobiliario, iluminación, cristalería, téxtil vertical, carpintaría industrial, telecomunicacións, etc. Isto permite xuntar esforzos para achegar solucións integrais competitivas a hoteis, residencias, centros comerciais, oficinas... en calquera lugar do mundo.
E que aporta Telecon á Plataforma Contract? Pois Telecon achegará o seu perfil de compañía especialista en telecomunicacións e, en particular, a súa solución tecnolóxica de última xeración Ecohub -da que xa demos conta en Código Cero- unha idea desenvolvida para mellorar a eficiencia enerxética de edificios e empresas coa que se pode aforrar até un 20% na factura enerxética. Medir en tempo real o consumo dunha instalación eléctrica, de auga ou de gas; identificar e corrixir un mal rendemento; recibir alertas de incidencias e documentar o gasto real para comparalo coa factura que envía a compañía subministradora son algunhas das vantaxes que Ecohub ofrece a empresas, organismos públicos e edificios; cun obxectivo: reducir as facturas da luz, o gas, a auga e demais fontes de enerxía.
Por último, engadir que os principais mercados aos que apunta a Plataforma Contract son a Unión Europea, o Norte de África, América do Sur, Estados Unidos, Caribe e Golfo Pérsico. Mentres que os países nos que a Plataforma xa está presente son República Dominicana, Panamá, México, Alxeria e Catar.

PUBLICIDADE