Tekken chega ás consolas de nova xeración

venres, 26 de xaneiro do 2024 Marcus Fernández

A franquía de xogos de loita Tekken estréase na nova xeración de consolas cunha nova entrega, Tekken 8, que dende hoxe podemos adquirir para PlayStation 5, para Xbox Series X|S e para PC, para así poder gozar dos seus gráficos de alta fidelidade e do seu cadro de 32 loitadores únicos redeseñados.
O xogo conta cunha chea de contido para un xogador que explorar, como o novo modo Arcade Quest (que permite crear un avatar dos xogadores cos que conquistar aos rivais nunha variedade de máquinas recreativas diferentes, o que serve para introducir aos usuarios na xogabilidade), e un sistema de personalización en profundidade tanto para os personaxes xogables como para os avatares, presentando a experiencia máis emocionante de toda a saga.
En Tekken 8 podemos atopar a loitadores moi coñecidos, como Paul Phoenix, King, Marshall Law e Nina Williams, e tamén regresan personaxes coo Raven (Tekken 6) ou Jun Kazama (Tekken 2). Como grande novidade estaría Azucena, unha loitadora peruana.
A nivel de xogabilidade Tekken 8 tamén introduce unha nova mecánica chamada Heat System que permite aproveitar a agresividade como táctica e incorporar ataques ofensivos ao estilo de xogo, con movementos especiais e habilidades baseadas nas características únicas de cada personaxe.
Este título desenvolvido con Unreal Engine 5 conta con varios modos multixogador no que podemos desafiar a outros xogadores con independencia da súa plataforma de xogo.

Tráiler de lanzamento de Tekken 8

PUBLICIDADE