Teimas nomea a Cristina Vázquez Muíño nova directora executiva (CEO) da compañía

mércores, 7 de febreiro do 2024 S. P.

Teimas, empresa galega referente en solucións tecnolóxicas para a xestión profesional de residuos e a economía circular, nomeou a Cristina Vázquez Muíño, socia da compañía, nova directora executiva (CEO) da mesma. Vázquez, que é enxeñeira en Informática e ten formación como executiva en Desenvolvemento Directivo, ocupara, ata o de agora, o cargo de directora de operacións (COO). Como CEO de Teimas Vázquez, centrarase en liderar o plan estratéxico da compañía, impulsar a dixitalización da cadea de valor do residuo en grandes corporacións a nivel nacional e internacional e en empresas xestoras de residuos, e potenciar a economía circular para protexer a saúde das persoas.
Vázquez substitúe a Miguel Varela, quen seguirá na compañía vinculado á expansión internacional e á estratexia de desenvolvemento corporativo. Neste novo posto, Vázquez desenvolverá novos plans que impulsen o crecemento da compañía e consoliden a súa posición como unha das empresas de software para a dixitalización do vector residuos máis sobranceiras a nivel nacional e europeo.
Vázquez, con 13 anos de experiencia en Teimas, é experta en rastrexabilidade, dixitalización e traslado de residuos, e defensora da utilidade dos mesmos como recursos valiosos.
Desde Teimas afirman que “con este nomeamento, queremos continuar impulsando o crecemento da compañía, sen perder a esencia que sempre nos caracterizou: o noso firme compromiso para contribuír á protección do medio ambiente, a través do desenvolvemento de solucións tecnolóxicas innovadoras e eficientes que permitan unha mellor xestión de residuos nas empresas”.

PUBLICIDADE