TEDxGalicia quece motores para a súa vindeira edición

martes, 9 de decembro do 2014 Marcus Fernández

Para xuntar interesantes relatorios sobre temas que van dende a tecnoloxía até o deseño, pasando polo lecer, consolidouse na nosa comunidade o evento anual TEDxGalicia, que este ano sorprende fixando como data de celebración do encontro de 2014 o 23 de xaneiro de 2015, nunha xornada de tarde que desenvolverase no Pazo da Cultura de Carballo, e para o que xa é posible adquirir entrada pese a que aínda non se anunciou o cadro de relatores desta edición, demostrando a confianza da organización en que será do agrado dos asistentes.
A temática xeral do TEDxGalicia 2014 será o Faino ti, chamamento a través do que buscan provocar a reflexión das responsabilidades individuais e a capacidade persoal que temos para alterar a realidade. Adicionalmente tamén celebrarse unha actividade chamada TEDxGalicia U, sesión previa (que comezará as 12:30 horas) na que os inscritos que teñan algo interesante que contar poderá contar cun espazo no que expor as súas ideas durante un máximo de 6 minutos. Para participar nesta actividade será preciso presentar unha solicitude antes do 31 de decembro, seleccionándose a 10 oradores para o que valorarase a achega dun vídeo. Dende a organización pretenden que este espazo sirva para dar visibilidade a inventos, prodixios, artistas, axentes de cambio, contadores de historia, provocadores, métodos para compartir coñecemento... en definitiva, contidos na liña do que habitualmente podemos ver nas distintas edicións de TEDxGalicia.

PUBLICIDADE