Subtitulos.es botará o peche mañá

luns, 29 de xuño do 2015 Marcus Fernández

O copyright ten provocado no pasado a desaparición de páxinas de seareiros de artistas, series ou películas, azoutando ás numerosas páxinas web dedicadas a intercambiar letras de cancións, e incluso perseguir a publicación de subtítulos, e dentro desta última práctica gozaban de certa popularidade os servizos de tradución colaborativa (a xeito de wiki) como Subtitulos.es, que anuncia o seu peche mañá mesmo, aínda que adiantan que o código do seu proxecto liberarase nos vindeiros días (o que permitirá que poida retomarse por outras persoas).

Subtitulos.es despídese dos seus usuarios a través de Twitter, lembrando o seu lema "www.subtitulos.es. Difunde la palabra".

Di así adeus un servizo iniciado en 2008, que para moitos é unha referencia á hora de poder seguir series de televisión ao día seguinte da súa estrea nos EE.UU. ou Reino Unido con subtítulos en español. Este cesamento de actividade sería consecuencia dos cambios lexislativos en España, xa que, tras as últimas modificacións da Lei de Propiedade Intelectual e a entrada en vigor o 1 de xullo da reforma do Código Penal que regula os delitos contra a propiedade intelectual, de xeito que xa non só se perseguirá a distribución e comunicación de contidos protexidos, senón tamén facilitar o acceso ou a localización de obras ou prestacións protexidas ofrecidas na Internet de xeito non autorizado. Este cambio lexislativo está a resultar disuasorio para moitos servizos, que temen ter que enfrontarse a causas penais pola súa actividade en liña, aínda que en casos como o mencionado non parece que vaia ter un grande impacto, xa que é de prever que xurdan proxectos semellantes a subtitulos.es dende fóra de España ou que, outros servizos semellantes que xa existen asuman a súa actividade con normalidade.

PUBLICIDADE