O Congreso aproba a reforma da Lei de Propiedade Intelectual

xoves, 30 de outubro do 2014 Marcus Fernández

Finalmente o Pleno do Congreso do Deputados aprobou hoxe a Lei pola que se modifica o Texto Refundido da Lei de Propiedade Intelectual ao ratificar con 172 votos a favor, 144 en contra e 3 abstencións, as emendas do Senado, que quedan así incorporadas ao texto que se publique no Boletín Oficial do Estado para entrar en vigor. Dende o Executivo xustifican o remendo da lexislación actual ante a urxencia para solucionar os problemas que están a xurdir na defensa da propiedade intelectual, considerando que non poden agardar a unha reformulación integral da Lei de Propiedade Intelectual (como veñen a esixir distintos sectores dende hai bastantes anos).
As medidas que incorpora o Proxecto de Lei supón unha profunda revisión do sistema de copia privada, deseña mecanismos de supervisión das entidades de xestión de dereitos de propiedade intelectual e fornece os instrumentos de reacción fronte ás vulneracións de dereitos de propiedade intelectual.
Dentro da modificación da copia privada figura a matización de que só se considerará tal a reprodución a partir de soportes físicos que sexan propiedade do usuario, o que no contorno actual vén a supor a práctica erradicación deste dereito que durante décadas protexía unha práctica estendida entre a cidadanía, abrindo a porta a unha situación de incerteza que algúns temen que poidan levar á criminalización dos usuarios no futuro (como acontece en países como os EE.UU.).
O novo texto entrará en vigor en xaneiro de 2015, e entre as súas medidas figura a creación dunha compensación económica para editores de novas pola explotación no ámbito dos agregadores de novas na Internet, que parece dirixida a servizos como Google News, pero que resulta de grande preocupación para plataformas como Chuza ou Menéame, que poderían ver ameazada a súa supervivencia se teñen que pagar pola actividade dos seus usuarios compartindo novas. Este nova taxa chega a petición da Asociación de Editores de Diarios Españois (AEDE) e resulta especialmente polémica por ser irrenunciable, o que podería colocar a moitos negocios nunha situación de inviabilidade, por non ser posible agregar certos contidos de balde aínda que se teña a autorización dos seus editores. Até o momento ningún país do mundo tiña unha lei semellante (que grave as ligazóns) e, de feito, o caso máis semellante foi o alemán, onde os propios editores veñen de recuar por considerar que pór atrancos a plataformas como Google para levar aos lectores aos seus contidos resulta contraproducente; resulta así moi difícil de entender que o Congreso aprobe un texto que non parece beneficiar a ninguén. De feito, dende Google xa recoñecen estar decepcionados coa norma aprobada, e confirman estar a estudar o peche de Google News en España, mentres que o fundador de Menéame, Ricardo Galli, é aínda máis crítico, denunciando a ignorancia dos políticos que aprobaron unha taxa inxusta da que continúa a descoñecer os ámbitos de aplicación, xa que os redactores do texto non parecen ser quen de despexar este tipo de dúbidas.

Anonymous modificou a páxina web de AEDE para denunciar a nova norma

A aprobación desta taxa tamén levou a que Anonymous lanzase un ataque á páxina web de AEDE, colocando alí un texto no que critican a reforma lexislativa e acusan a AEDE de querer “acabar cunha Internet libre e ao servizo dos cidadáns”.
Queda agora por ver o que acontecerá con esta Lei cando entre en vigor nun par de meses, especialmente polas dúbidas que hai sobre a súa legalidade, por ter distintos puntos que contradín á lexislación comunitaria polo xeito no que o novo texto entende o que é a comunicación pública, o que leva a pensar que esta reforma será tan pouco efectiva como a anterior (na que se creou a polémica Comisión Sinde-Wert, que na práctica non tivo ningunha repercusión pese a prometer pechar páxinas web de intercambio de contidos culturais en cuestión de días).

PUBLICIDADE