Steve Jobs deixa definitivamente a dirección de Apple

xoves, 25 de agosto do 2011 Marcus Fernández

Imaxe de Steve Jobs en 2010

O pasado mes de xaneiro Steve Jobs deixaba temporalmente o seu traballo diario en Apple, sen abandonar os seus cargos orgánicos, pero deixando ao temón da compañía a Tim Cook, dando a entender que volvía a ter problemas de saúde como xa acontecera a primeiros de 2009 e, pese a que en marzo Jobs conduciu a presentación do iPad 2 (e volveu a facer bromas sobre a súa saúde), unha carta do fundador de Apple á súa directiva e á comunidade de Apple confirma que deixa as súas responsabilidades na compañía e recomenda a consolidación de Tim Cook como o seu sucesor.
Jobs confía no éxito futuro de Apple, e espera poder contribuír dalgún xeito ao mesmo, á vez que agradecer aos seus compañeiros na empresa polos anos nos que traballaron xuntos.
Queda agora por ver se a compañía será capaz de manter o seu pulo sen tan carismática figura, aínda que todo apunta a que a medio prazo conservará a súa posición privilexiada grazas á boa acollida que tiveron produtos como o iPhone e o iPad, que chegaron incluso a beneficiar ás vendas de produtos informáticos da compañía (grazas á fidelización dos seus clientes).

PUBLICIDADE