Steam proba a retransmisión de partidas mediante streaming

mércores, 3 de decembro do 2014 Marcus Fernández

Valve está a anunciar unha nova funcionalidade da súa plataforma de xogos en liña, que está funcionando en probas, e que consiste na posibilidade de permitir que os nosos amigos poidan ver as nosas partidas mediante streaming, na liña do que fai Twitch, e que nos últimos anos converteuse en todo un fenómeno cunhas audiencias millonarias difíciles de prever.
Steam Broadcasting fai que o seguimento das partidas en vivo poida facerse con só premer un botón, estando aberto este proceso a calquera usuarios que queiran inscribirse á beta desta funcionalidade, sendo preciso que tanto os usuarios que transmiten as súas partidas mediante streaming como os que reciban o sinal en vídeo teñan instalada a beta do cliente de Steam. Os usuarios poderán definir a privacidade das rúas retransmisións, de xeito que poden autorizalas só para amigos aos que conviden, a amigos que o soliciten, a calquera amigo ou a calquera outro usuario de Steam.
As retransmisións de partidas en directo cobren distintas demandas, de xeito que tanto poden entenderse como un formato de deporte electrónico ou tamén pode empregarse como unha ferramenta para, por exemplo, amosar a un amigo como superar un nivel dun xogo ou para presentar un título a outras persoas.

O cliente beta de Steam permite ver en directo as partidas doutros xogadores

PUBLICIDADE