Steam fai máis doado gozar dos seus xogos de VR en Meta Quest

xoves, 30 de novembro do 2023 Marcus Fernández

Un dos grandes atractivos dos dispositivos Meta Quest é que, aparte de funcionar como visores de realidade virtual autónomos, tamén poden conectarse ao ordenador mediante cable ou Wi-Fi para gozar de experiencias avanzadas de realidade virtual aproveitando a potencia do PC, aínda que tal configuración podía resultar un tanto confusa, algo que Valve vén de solucionar en grande medida, xa que hoxe anunciou que a tecnoloxía de transmisión de Steam Link está por fin dispoñible para Meta Quest 2, 3 e Pro, o que permite gozar sen cables aos xogos de realidade virtual do catálogo de Steam sen precisar de software adicional.
O funcionamento desta nova solución é moi doado. Chega con ter Steam e SteamVR instalados e funcionando no PC, conectar o visor Meta Quest á mesma rede Wi-Fi que o ordenador, descargar no visor a aplicación de Steam Link e logo seguir os pasos para establecer a conexión do casco co equipo informático e así poder gozar da realidade virtual no seu máximo esplendor.
Cómpre advertir que para a conexión sen fíos entre o PC e o visor de VR é preciso contar cunha rede sen fíos que como mínimo opere na banda dos 5 GHz, xa que hai que garantir unha latencia baixa para que a experiencia de VR sexa satisfactoria.

PUBLICIDADE