Star Wars estrea aplicación móbil oficial

mércores, 8 de xullo do 2015 Marcus Fernández

Estamos no ano no que Disney está a relanzar a franquía de Star Wars con moita forza, levando un novo filme aos cines, que chegará acompañados de numerosos produtos audiovisuais, de lecer electrónico, de mercadotecnia... e non podía faltar unha aplicación móbil oficial, que hoxe veu a luz nos EE.UU. para iOS e para Android, e que está a resultar bastante rechamante por unha das súas prestacións máis propias de dispositivos móbiles: permite disparar selfies, retocándoos para disfrazar ao usuario de personaxes da ficción creada por George Lucas.
Pero os selfies galácticos só son unha das prestacións da aplicación, que incluso conta con notificación para avisar de grandes anuncios (como a estrea de trailers); permite desbloquear personaxes 3D de Star Wars: El Despertar de la Fuerza a través dunha funcionalidade de realidade aumentada; permite consultar a predición meteorolóxica cunha aparencia propia dos mundos que pululan no universo de Star Wars; permite adestrar as nosas habilidades coa espada de luz; facilita compartir imaxes GIF animadas con secuencias memorables das películas e series de televisión da franquía; amosa curiosidades sobre a historia de Star Wars; conta con sons clásicos de personaxes, criaturas, armas e vehículos de Star Wars; dá conta das últimas novidades sobre Star Wars e tamén fai doado atopar máis contidos relacionados e conectar coas súas redes sociais.
Dende Disney aseguran que a aplicación estará en constante evolución, polo que é de agardar que vaia incorporando interesantes novidades no que resta de ano, para engraxar esta maquinaria de marketing que busca explotar ao máximo a franquía adquirida polo xigante do lecer.

A aplicación ten funcións de realidade aumentada e de predición meteorolóxica
Escoitar sons das películas e disparar selfies son algunhas das prestacións que inclúe a nova aplicación


Vídeo promocional da nova aplicación móbil de Star Wars

PUBLICIDADE