Stadia chega a iOS a través de Safari

mércores, 16 de decembro do 2020 Marcus Fernández

O servizo de xogo na nube de Google, Stadia, funciona con normalidade a través do navegador Chrome en ordenadores persoais e tamén en móbiles con Android a través dunha aplicación de seu, pero dende hoxe tamén está dispoñible para dispositivos con iOS a través do navegador web Safari, solución que tivo que adoptar Google ante a negativa de Apple a permitir na App Store unha aplicación que facilitase o acceso a varios xogos remotos que corresen na nube.
O funcionamento de Stadia en iOS é bastante sinxelo: chega con abrir Safari, visitar stadia.google.com, identificarse como usuario de Stadia e engadir un atallo a Stadia na páxina de inicio do móbil. Deste xeito, créase dunha icona no móbil que compórtase igual que unha aplicación, para así poder gozar do servizo de Stadia sen precisar dunha aplicación nativa. Como sistema de control, aparte dos xogos que permiten o control táctil, é posible empregar tanto o mando oficial de Stadia como mandos compatibles cos dispositivos con iOS (como a meirande parte dos mandos Bluetooth do mercado, entre os que destaca o das consolas Xbox).
Para gozar de Stadia en dispositivos con iOS podemos tirar tanto da banda larga móbil como da nosa rede Wi-Fi habitual, sendo precisamente a calidade da conexión a que marcará o bo funcionamento do servizo, que incluso poden funcionar cunha boa conexión 4G, aínda que nese caso habería que advertir de que ao estarmos ante unha solución baseada en streaming, o consumo de datos durante as partidas é moi elevado.
Aínda que a experiencia de xogo nun iPhone pode non resultar moi satisfactoria por mor do tamaño de pantalla, nun iPad pódese gozar dun xogo máis próximo ao dunha consola de videoxogos conectada a un televisor e, no caso de xogos como Cyberpunk 2077 cómpre salientar que o seu funcionamento en Stadia é bastante mellor que o de consolas da anterior xeración (coma a PS4 e a Xbox One).

PUBLICIDADE