Square Enix prepara Final Fantasy Explorers para Nintendo 3DS

mércores, 11 de xuño do 2014 Marcus Fernández

Pese a que o mundo dos videoxogos mira estes días á feira E3 de Los Ángeles, dende o Xapón tamén chega unha importante sorpresa que Nintendo tiña agochada, e que desvela a revista Shonen Jump (da que circula unha páxina escaneada pola Rede). Trátase do xogo Final Fantasy Explorers para Nintendo 3DS, que parece ser un RPG de acción multi-xogador que podería verse como unha mestura entre as franquías de Final Fantasy e Monster Hunter.
Polo momento o xogo só estaría confirmado para o Xapón, aínda que non sería de sorprender que bastantes meses despois da súa comercialización asiática chegase aos nosos mercados ofrecendo a súa interesante proposta para os seareiros dos J-RPG, que poderán así cumprir con épicas misións encarnando a un cabaleiro (personaxe orientado á defensa), un monxe (especializado en ataques físicos), un mago negro (que lanza ataques máxicos especialmente efectivos a longa distancia) e un mago branco (enfocado nos feitizos de recuperación), polo que podemos ver no documento dixitalizado que está a xerar bastante expectación.

PUBLICIDADE