Square Enix estrea o seu Final Fantasy musical na App Store

venres, 14 de decembro do 2012 Marcus Fernández

Theatrhythm Final Fantasy é un xogo musical baseado no universo de Final Fantasy, que inicialmente chegou á Nintendo 3DS cun catálogo de 76 cancións que poden interpretarse dentro dunha especie de xogo de rol no que desprazarse e combater a distintos inimigos mantendo certo ritmo, na liña de xogos como Rhythm Paradise ou incluso Guitar Hero e Rock Band, que na súa versión en cartucho contaba con 76 cancións ás que podían engadirse mediante descarga de pagamento ata 56 cancións máis. Pois agora este curioso xogo estréase en iOS, de xeito que podemos descargalo de balde no iPhone ou no iPad, pero incluíndo só 2 cancións de balde.
O xogo para iOS conta con 111 cancións descargables en lotes de 2,69 euros ou en cancións soltas a 0,89 euros, entre as que figuran temas orixinais de Final Fantasy Tactics, Final Fantasy 7: Advent Children e Crystal Chronicles. Esta versión de Theatrhythm Final Fantasy tamén permite descargar personaxes adicionais como Tifa (de Final Fantasy 7) ou Serah (de Final Fantasy XIII-2).
Resulta evidente que para quen desexe gozar de todos os temas musicais do xogo estariamos ante un título máis caro que a versión en soporte físico para 3DS, pero para que busque un xogo móbil para o que botar unhas poucas partidas ou, simplemente, elixindo só os temas musicais favoritos a interpretar, estamos ante unha excelente opción que resulta bastante atractiva polo mero feito de poder probala de balde coas 2 cancións que inclúe.

Seguir o ritmo da música convértese nun xeito de combate en Theatrhythm Final Fantasy


Trailer de lanzamento do xogo

PUBLICIDADE