Spotify estrea unha web con recomendacións musicais para gamers

venres, 12 de agosto do 2016 Marcus Fernández

Os servizos de streaming musical non teñen como único aliciente o seu fondo de catálogo, que practicamente é idéntico entre os grandes competidores, senón que gañan ao público por detalles como os dispositivos para os que están dispoñibles, a facilidade de uso das súas aplicacións ou as listaxes de reprodución que achegan, e nesta última liña Spotify vén de dar un interesante paso estreando a páxina web de Spotify Gaming, a través da que facilita o descubrimento de bandas sonoras orixinais de videoxogos e coleccións de música pensadas para distintos perfís de xogadores, e que tanto poden servir para o seu día a día como para acompañar ás longas xornadas de lecer diante da pantalla.
A nova páxina web reparte os seus contidos en catro categorías distintas: Original Soundtracks (con bandas sonoras orixinais completas, que van dende o novo Uncharted 4 até recompilatorios coa música dos xogos de Mega Man), Featured Playlists (cunha serie de listaxes de reprodución destacadas para axudar a descubrir nova música), Community Playlists (con listaxes de reprodución achegada pola comunidade, entre as que tamén figura listaxes de convidados entre os que figuran medios especializados en videoxogos) e, finalmente, Spotify Curated (seleccións musicais elaboradas por Spotify e que están elixidas por temáticas ou estilos de xogador).
Deste xeito, cando visitamos este novo espazo podemos ver como para os xogadores retro recomenda xoias como o Don’t Stop Believin’ de Journey, aos xogadores épicos recoméndalles principalmente temas extraídos de bandas sonoras cinematográficas e tamén conta con seleccións de música electrónica, pop, indie e hip hop, de xeito que resulta doado atopar recomendacións musicais que completas varias horas para que poidamos escoitar a gusto sen ter que preocuparnos por elixir os temas cos que agasallar aos nosos ouvidos, quedando sempre a opción de abrir a porta ao recordo e escoitar a música que acompaña a algún dos nosos xogos favoritos.

Spotify Gaming facilítanos a localización de ducias de álbums de bandas sonoras orixinais de videoxogos

PUBLICIDADE