Spotify actualízase no iPhone soportando multi-tarefa

venres, 2 de xullo do 2010 Marcus Fernández

O popular servizo musical a través de streaming, Spotify, vén de actualizar a súa aplicación para iPhone adaptándose ás posibilidades que ofrece a nova versión do sistema operativo dos terminais de Apple (o iOS 4), de xeito que ábrese á multitarefa, o que permite reprodución cancións en segundo plano, ou sexa, que podemos empregar o servizo de Spotify á vez que navegamos pola Internet ou facemos calquera outra actividade dende o terminal (aínda que esta función quedaría restrinxida ao iPhone 3GS, o iPhone 4 e o iPod Touch de terceira xeración, que son os dispositivos compatibles coa multitarefa).
A aplicación tamén permite agora o uso dos botóns de control multimedia dos auriculares ou os botóns de control da pantalla de desbloqueo do terminal, estrea unha sección de novidades (na que aparecen os novos discos, as 100 cancións máis populares e o fluxo social), permite compartir temas e discos con outros amigos con Spotify e optimiza o seu uso da batería cando está en segundo plano ou en pausa.

PUBLICIDADE