South Park terá un novo xogo para móbiles

martes, 31 de outubro do 2017 Marcus Fernández

Mentres o xogo South Park: Retaguardia en Peligro trunfa en ordenadores e consolas de videoxogos, Ubisoft está a preparar o lanzamento dun xogo para dispositivos móbiles da franquía de Trey Parker e Matt Stone, South Park: Phone Destroyer, que verá a luz o vindeiro 9 de novembro.
Este novo xogo permitiranos participar como vaqueiros, piratas, feiticeiros e incluso deuses cos nenos e os habitantes de South Park combinando estratexia en tempo real e naipes coleccionables e batallas explosivas nas que participaremos como un neno novo personalizable.
No xogo poderemos empregar máis de 80 naipes a través dunha campaña para un xogador con 60 niveis con historia e diálogos que agradecerán os seareiros da serie de televisión na que se inspira este título. Completando as distintas fases poderemos mellorar o noso mazo, conseguir novos naipes, amasar botín e desbloquear retos. Para os que busquen algo máis, tamén existirá a posibilidade de enfrontarse en tempo real contra xogadores de todo o mundo en partidas de un contra un, nas que poderemos progresar nunha clasificación mundial.
South Park: Phone Destroyer poderase descargar de balde para iOS e Android e recibirá actualizacións tras o seu lanzamento para manter o interese no mesmo.

Tráiler de South Park: Phone Destroyer

PUBLICIDADE