Sony presenta novos dispositivos de Blu-ray mentres dende Samsung lle auguran 5 anos de vida ao formato

xoves, 4 de setembro do 2008 Marcus Fernández

Os Blu-ray de Sony están en plena efervescencia, e veñen de presentar 6 novos gravadores e 2 reprodutores de discos Blu-ray correspondentes ás Series T, L, X e S, e que parten dun prezo duns 410 euros e chegan ata os 2.000 euros, polo que parece que aínda están lonxe dun mercado de consumo masivo.
Os equipos máis económicos serían os reprodutores, coma o BDP-S350, que sería o produto máis básico dos presentados, mentres que os gravadores comezarían pola Serie T, caracterizada por equipos con disco duro, BD-Live, sintonizador de TDT e prezos entre os 700 e os 885 euros.
A Serie L sería o seguinte paso nos gravadores, integrando tamén entradas para cámaras (DV e HDV a 1.080i) con prezos de entre 800 e 1.075 euros, mentres que o tope de gama estaría na Serie X, con prezos de entre 1.265 e 1.775 euros.
Curiosamente estes novos produtos se presentan ao pouco de que Andy Griffiths, director de electrónica de consumo de Samsung no Reino Unido, declarase que pensa que ao Blu-ray «lle quedan 5 anos» coa certeza de que o formato non chegará a durar unha década.
Griffiths pensa que o Blu-ray vai funcionar, pero non durante moito tempo (non esquezamos que Samsung está a traballar en televisores conectados directamente á Rede). Tamén asegura que a alta definición non será unha realidade ata 2012, cando dende os televisores ata as cámaras domésticas ofrecerán tal definición.

PUBLICIDADE