Sony ofertará os xogos de PSP en PS Vita para os usuarios que xa os teñan en soporte físico

venres, 11 de novembro do 2011 Marcus Fernández

Os discos UMD desaparecerán coa PSPA nova consola portátil de Sony, a PS Vita, chegará en decembro a Xapón e en febreiro a Europa, e entre as súas principais características está a ausencia de lector de discos UMD, para frustración dos actuais posuidores dunha PSP (que non poderán continuar a xogar aos seus títulos actuais na nova consola) polo que Sony vén de anunciar unha solución: o UMD Passport.
Estamos ante un servizo que estrearase no Xapón o 6 de decembro, e que permitirá que os usuarios da PSP poidan descargar na súa consola unha aplicación chamada UMD Registration Application, que permite rexistrar na súa conta de PSN os xogos que se introduzan en formato físico na vella consola, facilitando a súa compra como títulos descargables para PS Vita por un prezo reducido, de entre 100 e 2.400 iens (0,94 e 22,61 euros).
Como exemplo de prezos temos a Patapon 3 a 1.000 iens, Dynasty Warriors: PSP the Best a 500 iens e Persona 3 Portable: PSP the Best a 1.500 iens, descoñecéndose polo momento os prezos que terán estes xogos baixo descarga en Europa para usuarios que xa conten con copias físicas dos mesmos.

PUBLICIDADE