Sony non ten previsto engadir retrocompatibilidade á PS4

venres, 19 de xuño do 2015 Marcus Fernández

Durante a presentación de Microsoft no E3 de Los Angeles sorprenderon anunciando unha nova funcionalidade da Xbox One, que suporía a incorporación na consola de retrocompatibilidade con xogos de Xbox 360, conseguida mediante software, o que impactou sobre todos os presentes, e que parece quere evitar que os actuais xogadores de 360 merquen unha PS4 cando dean o salto de xeración de consolas. Esta novidade levou a que moitos pensasen que podería acontecer algo semellante na consola do Sony no futuro como reacción a esta característica que actualmente é moi importante á hora de contrastar ambas consolas, pero declaracións do máximo responsable de Sony Worldwide Studios, Shuhei Yoshida, levan a entender que non será posible.
Yoshida non só recoñeceu a súa sorpresa ante o anuncio de Microsoft a un redactor de Eurogamer, senón que chegou a afirmar que “non pensei que fose posible”, entendendo que o esforzo para poder conseguir tal logro tivo que ser inmenso. Yoshida tamén matizou que a PlayStation 3 ten unha arquitectura única, e algúns xogos fan un uso do hardware moi intenso, facendo que desenvolver un emulador de PS3 dende PS4 sería demasiado complicado e, aínda que non poden desmentir que nun futuro vaian enfrontar tal reto, polo momento non teñen plans para facer tal.

PUBLICIDADE