Sony intenta xerar confianza na PS Vita

martes, 14 de agosto do 2012 Marcus Fernández

Esta tarde tivo lugar en Colonia a conferencia de Sony de cara á Gamescom que comeza mañá, aproveitándose a ocasión para colocar no escaparate os xogos que Sony vai vender de cara ao Nadal e para dar a coñecer novos títulos. Entre os anuncios realizados destaca a importancia que deron á PS Vita, o que parecía querer compensar a marxinación da nova portátil de Sony durante a pasada edición do E3.
Entre os novos título que teremos para PS Vita destaca Tearaway, obra do estudo Media Molecule (responsable da franquía LittleBigPlanet) que semella ir dirixido a todos os públicos; mentres que por outra banda Sony quere gañarse aos xogadores máis hardcore con Killzone: Mercenary, xogo de acción en primeira persoa que aproveita ao máximo as capacidades gráficas e as características da PS Vita.
Entre as novidades tamén figuraban xogos para PlayStation 3, como Puppeteer, Rain e Until Down, destacando este último por ser un xogo de terror adolescente que precisa de PlayStation Move como sistema de control.


Killzone: Mercenary será un dos pratos fortes da PS Vita

Cross-Buy para PS Vita

A PS Vita apóiase nas súas posibilidades coa PS3 para intentar sumar simpatías

Un dos anuncios realizados durante a conferencia desta tarde foi que dende finais de ano, ao mercar un xogo compatible con PS3 e PS Vita, poderase descargar de balde a versión que non teñamos, prestación que estará dispoñible en PlayStation All-Star Battle Royale, Ratchet & Clank: QForce e Sly Cooper: Ladrones en el Tiempo.
A partir do 28 de agosto tamén será posible adquirir os xogos de PS One Final Fantasy VII, Metal Gear Solid e Resident Evil 2 dende a PS Vita, uníndose máis destes xogos da primeira PlayStation nos vindeiros meses.

PlayStation Mobile levará xogos a distintos dispositivos mediante descarga

A conferencia tamén permitiu ver o último trailer de The Last of Us, a confirmación da beta multi-xogador de God of War: Ascensión, novos títulos para o Wonderbook, nova gama de xogos Essentials para PS3 a un prezo de 19,99 euros, novos detalles de PlayStation Plus (que estará pronto dispoñible para PS Vita e incluso terá unha promoción de desconto para novos usuarios) e mesmo a confirmación de que no outono farase realidade PlayStation Mobile, plataforma de distribuirá varios xogos descargables para PS Vita e dispositivos Android con certificación PlayStation.
A xente de EA Sports tamén aproveitou o momento para anunciar que o agardado FIFA 13 chegará ás tendas europeas o vindeiro 28 de setembro, incluíndo compatibilidade con PlayStation Move.

Dende EA Sports dataron o lanzamento europeo de FIFA 13 no 28 de setembro


Último trailer de The Last of Us

PUBLICIDADE