Sony cesará a produción de xogos físicos para PS Vita

mércores, 16 de maio do 2018 Marcus Fernández

Sony anunciou en 2015 que deixara de desenvolver xogos para PS Vita, e o pasado mes de febreiro deixaba clara a súa intención de abandonar definitivamente a súa consola portátil ao adiantar que a partires do 8 de marzo de 2019 o servizo de PlayStation Plus xa non incluirá xogos para a portátil, que era o principal combustible para esta máquina, e agora chega o último cravo para o seu ataúde: Sony cesará a produción de xogos físicos para PS Vita, aínda que manterá a distribución dixital.
Aseguran que a produción de tarxetas de xogo para PS Vita deixarán de producirse para Europa e EE.UU. ao peche do ano fiscal 2018. Detallan que deixarán de aceptar pedidos de tarxetas o 15 de febreiro de 2019, polo que a consola portátil deixará pronto de contar con xogos en tendas físicas.
Aínda que a PS Vita foi relativamente popular no Xapón, en EE.UU. e Europa quedou totalmente eclipsada pola Nintendo 3DS, perdendo tamén o apoio dos creadores de xogos, que non vía retorno aos seus grandes desenvolvementos e tampouco recibiran ben os elevados custos das tarxetas de memoria propietarias de Sony para o almacenamento dos xogos (que forzou a que tivesen un prezo de venda demasiado alto para unha consola portátil). Agora que no mercado tamén está a Nintendo Switch queda claro que non existe espazo para a PS Vita.

PUBLICIDADE