Sony anuncia os xogos de PS Plus para novembro

venres, 30 de outubro do 2015 Marcus Fernández

Sony deu a coñecer a listaxe de xogos que en novembro incluirá no seu programa PlayStation Plus que poderán incorporar os subscritores do servizo sen custo adicional á súa colección de xogos instantáneos, e confírmase unha vez máis que a compañía nipoa só coida esta selección de xogos en datas críticas como a campaña de Nadal ou a chegada do verán, conscientes de que é cando o reclamo pode atraer a máis usuarios, de xeito que o mes que vén vai resultar moi prometedor, especialmente para os usuarios de PlayStation 3, que vén así como a consola da anterior xeración aínda non queda abandonada.
Os xogos que recibirán os usuarios de PlayStation 4 serán The Walking Dead Season 2, a segunda tempada da aventura gráfica de Telltale Games, que continúa a historia de Clementine no mundo da banda deseñada de Los Muertos Vivientes, popularizado pola serie de televisión The Walking Dead (valorado en 24,99 euros); e a aventura de acción Magicka 2 (valorado en 14,99 euros); aos que acompañará un xogo que funcionará nas 3 plataformas de PlayStation, Dragon Fin Soup.
Os títulos para PlayStation 3 son moito máis rechamantes, porque son auténticos xogos de referencia no seu día que xa son clásicos modernos, como Mass Effect 2 (valorado en 14,99 euros) e Beyond Good & Evil HD (valorado en 9,99 euros). Pero dende Sony non se conforman con incluír eses grandes xogos para PS3, para dar a sensación de que non queren deixar aos usuarios da vella consola sen títulos para gozar no seu fin de ciclo, senón que tamén fan o mesmo coa PS Vita, consola portátil para a que confirman que non farán ningún grande xogo first-party, e para a que ofrecerán o xogo Invizimals (valorado en 7,99 euros), todo un referente da realidade aumentada que deu pé a unha franquía de grande éxito e que fora obra do estudio español Novarama.
Complétase así a oferta de xogos dun mes de novembro no que, tras moito tempo, volven imperar os xogos AAA, e non títulos independentes de pouco interese para o grande público como acontecía ultimamente.

Vídeo promocional dos xogos que ofrecerá PlayStation Plus en novembro

PUBLICIDADE