Sony amosa o seu visor de realidade estendida para un metaverso industrial

martes, 9 de xaneiro do 2024 Marcus Fernández

A proposta de visor de realidade estendida de nova xeración de Qualcomm parece ter atopado fabricantes interesados, como Sony e Siemens, que están a colaborar para crear solucións industriais que tiren proveito da realidade estendida para que deseñadores e enxeñeiros poidan explorar deseños conceptuais en contornos inmersivos mediante a combinación do software industrial de Siemens e o novo sistema de creación de contido espacial de Sony, que como elemento máis salientable ten un visor con pantallas OLED 4K.
Estas solucións pretenden chegar ao mercado este mesmo ano, e poden lembrar bastante ás Vision Pro de Apple, pero enfocando os produtos directamente a usos industriais, onde o seu elevado prezo estaría máis xustificado.
O novo visor de Sony ten un deseño bastante curioso, pois incluso pode lembrar a un casco de PlayStation VR, pero sorprendendo pola posibilidade de separar o visor da cara sen ter que sacalo da cabeza. Para unha grande precisión fai uso de controladores físicos con deseños curiosos, pois tanto pode empregarse unha especie de anel como outro mando que serviría máis como punteiro.
Esta tecnoloxía estaría orientada á creación de contido tridimensional, polo que habería moitos ámbitos profesionais nos que podería aplicarse, como o deseño industrial, a arquitectura ou mesmo a creación de videoxogos, que xunto coas posibilidades da computación na nube poderían beneficiarse claramente desta proposta de metaverso industrial.

Vídeo promocional da proposta conxunta de Siemens e Sony

PUBLICIDADE