Phone (2a), o móbil de gama media de Nothing

martes, 5 de marzo do 2024 Marcus Fernández

Nothing continúa a lanzar produtos para os consumidores que queren dispositivos móbiles cun deseño rechamante ou, cando menos, algo diferente; e para quen os seus móbiles insignia estean fóra do seu alcance abren hoxe a reserva do seu novo Nothing Phone (2a), smartphone de gama media cun prezo de 329 euros para o modelo con 8 GB de RAM e 128 GB de almacenamento que eleva o seu prezo até os 379 euros se o queremos con 12 GB de RAM e 256 GB de capacidade.
Este móbil conserva a orixinal interface Glyph da súa parte traseira (con efectos de iluminación personalizables), pero realiza concesións a todos os niveis para conseguir conter o seu prezo e así estar ao alcance dun público moi amplo.
Funciona cun procesador MediaTek Dimensity 7200 Pro 5G, a súa pantalla AMOLED de 6,7 polgadas ten unha velocidade de refresco adaptativo de 120 Hz e un brillo máximo de 1.300 nits, a súa cámara traseira dual ten un sensor principal de 50 Mpíxeles con estabilización óptica e un sensor ultra grande angular de 50 Mpíxeles mentres que a frontal confórmase con 32 Mpíxeles, conta con batería de 5.000 mAh con carga rápida de 45 watts, Bluetooth 5.3, Wi-Fi 6, NFC, lector de impresións dixitais baixo a pantalla, resistencia IP54 e un sistema operativo baseado en Android 14.
En definitiva, un smartphone bastante competente a un prezo axustado, claramente dirixido para os que buscan algo distinto nun mercado demasiado homoxéneo.

PUBLICIDADE