Skype para Android adáptase a tablets

mércores, 21 de novembro do 2012 Marcus Fernández

As aplicacións de Skype están a adaptarse para comezar a asumir aos usuarios de Windows Live Messenger, e no caso de Android a chegada da versión 3.0 de Skype non só permite iniciar sesión na aplicación mediante unha conta de Microsoft, senón que tamén mellora a calidade de son e incorpora un novo deseño para tablets, de xeito que usuarios de dispositivos como o Samsung Galaxy Tab 2 ou o Nexus 7 poden aproveitar o espazo en pantalla do seu dispositivos para as súas conversas de texto, voz e/ou vídeo, de xeito que esta ferramenta adopta un deseño adaptado ao tamaño de pantalla.
No apartado sonoro, Skype 3.0 para Android inclúe soporte para SILK, un novo codificador de audio deseñado para capturar a riqueza da voz humana adaptándose ás variacións da nosa conexións á Internet, asegurando que a calidade de recepción é sempre o mellor posible.


Vídeo de presentación da nova versión de Skype adaptada a tablets con Android

Novo Skype para Windows 8

Pero a aplicación de Skype optimizada para Windows 8 tamén vén de actualizarse, incluíndo buscas de grupos, vídeo mellorado e, principalmente, a posibilidade de comunicarnos cos nosos contactos de Messenger.

PUBLICIDADE