Skype contará en breve con videoconferencias en grupo de balde

mércores, 13 de xaneiro do 2016 Marcus Fernández

Hai 10 anos Skype estreou o seu servizo de videoconferencias de balde, que hai cousa de 6 anos chegou tamén a dispositivos móbiles, e para celebrar este momento tan especial anuncian agora que os dispositivos móbiles (con Android, iOS e Windows 10) van gozar en breve de videoconferencias en grupo, instando aos máis impacientes a inscribirse vía web para poder gozar anticipadamente desta funcionalidade que até o momento estaba limitada aos ordenadores persoais.
Nesta última década a través de Skype fixéronse preto de 2 billóns de minutos de videconferencia de balde, deixando claro que é un servizo moi demandado, e recoñecido como a principal plataforma para este tipo de comunicacións, especialmente empregadas en ámbitos empresariais e nos seos das familias cando algún dos seus integrantes está de viaxe ou na emigración.
En 2006 Skype naceu como unha aplicación só dispoñible para equipos informáticos, pero actualmente hai máis de 750 millóns de usuarios que instalaron a aplicación no seu smartphone ou tableta, converténdose nunha das aplicacións máis descargadas na App Store e en Google Play, que conseguiu multiplicar por 10 o seu uso nos últimos 2 anos.

Vídeo de presentación das multi-conferencias en vídeo para dispositivos móbiles

PUBLICIDADE