Skype comeza a integrar a tradución en tempo real na súa aplicación oficial

xoves, 1 de outubro do 2015 Marcus Fernández

Durante este ano Microsoft estivo a probar a súa tecnoloxía de recoñecemento de voz, tradución en tempo real e síntese de voz a través de Skype, para o que lanzou a aplicación de proba Skype Translator, que agora deixa de ter utilidade xa que as súas funcionalidades están a integrarse na aplicación de escritorio de Skype, permitindo así que as conversas de voz entre usuarios que falen inglés, francés, alemán, italiano, mandarín ou español poidan traducirse directamente en tempo real, sendo posible tamén traducir conversas de texto escrito entre máis de 50 idiomas.
Deste xeito Skype tende pontes entre persoas de todo o mundo, contribuíndo a superar a barreira do idioma, e procurarán agora trasladar esta no funcionalidade á meirande parte de dispositivos posibles, á vez que van incrementando a cantidade de linguas das que se recoñece a voz.
A nova funcionalidade de Skype chega a través da última actualización da aplicación e irase espallando de xeito paulatino durante as vindeiras semanas, resultando esta característica claramente visible nunha icona con forma de mundo que indica que a nosa aplicación está preparada para facer uso da funcionalidade de tradución en tempo real.

Vídeo no que podemos ver como é o funcionamento do tradutor integrado en Skype

PUBLICIDADE