SkyDrive estrea aplicación para Android

martes, 28 de agosto do 2012 Marcus Fernández

O servizo de almacenamento en liña de Microsoft, SkyDrive, está a progresar adecuadamente, e tras contar con aplicacións para Windows, OS X, Windows Phone e iOS, estrea hoxe aplicación para Android, o que facilita que moitos smartphones poidan acceder aos contidos almacenados en SkyDrive dun xeito máis áxil e doado, ver os documentos empregados recentemente, cargar no servizo fotografías e vídeos dende o móbil, compartir arquivos e fotografías (por correo electrónico ou dende outras aplicacións), acceder a arquivos de SkyDrive dende outras aplicacións para Android e administrar os ficheiros almacenados no servizo.
A chegada de SkyDrive a Android supón un dos últimos pasos de Microsoft de cara ao lanzamento oficial de Windows 8, que xunto cos seus produtos asociados (como Windows Phone e Office) busca crear unha boa experiencia de uso centrada en boa medida coa nube, de aí que a dispoñibilidade de SkyDrive dende a meirande parte dos dispositivos conectados sexa tan importante, pois o almacenamento na Rede é unha das chaves para conseguir tal finalidade.

PUBLICIDADE