Sky Sports engadirá sons do FIFA aos partidos da Premier League

luns, 8 de xuño do 2020 Marcus Fernández

A Premier League británica está a preparar o seu regreso tras o confinamento por mor da COVID-19, e para facilitar a volta á normalidade dende Sky Sports queren empregar distintas innovacións para achegar unha boa experiencia aos espectadores, entre as que resulta especialmente salientable un acordo con EA Sports para incorporar ás retransmisións deportivas sons de ambiente do videoxogo FIFA.
Concretamente a canle televisiva reproducirá os ruídos do público nas bancadas e os seus cánticos, achegando unha atmosfera propia dos partidos anteriores ao confinamento. Dende Sky Sports son conscientes de que esta nova funcionalidade pode facer máis atractivos os encontros deportivos, pero tamén pode causar rexeitamento por falsear a realidade, de xeito que os espectadores serán libres de elixir se escoitan os partidos con efectos sonoros ou na súa versión orixinal.
Outras novidades que estarán dispoñibles durante os partidos serán a posibilidade de poder reproducir os momentos destacados en calquera momento das retransmisións e tamén unha función chamada Fanzone que permitirá crear salas de vídeoconferencia para grupos de amigos que queiran ver os encontros deportivos en compañía poidan facelo dende cadanseu fogar. A Sky Sports Fanzone funcionará vía web ou a través dunha aplicación que permitirá que os usuarios publiquen predicións, realicen enquisas durante os partidos e consulten estatísticas para dinamizar as conversas virtuais.

PUBLICIDADE