SincroLibros para potenciar a experiencia lectora

martes, 25 de xuño do 2013 Marcus Fernández

A empresa compostelá Readmusync está a innovar cun novo xeito de lectura potenciado mediante a utilización de música sincronizada que busca desatar unha experiencia multi-sensorial que chega a través de dispositivos móbiles de Apple en forma de aplicacións que inclúen horas de lecer. Para introducirnos no mundo da SincroLectura podemos descargar de balde por tempo limitado a aplicación iZombie-INTELLIGENT ZOMBIES (que pasará a custar 3,59 euros tras a promoción), que consiste nunha historia de zombis intelixentes, dende o punto de vista de varios personaxes, escrita por Monster, que podemos ler acompañados cunha tétrica música composta por Ismael Berdei, convertendo a este libro electrónico nunha obra inmersiva, aínda que os lectores que prefiran ler ao seu ritmo poden optar pola súa lectura sen o acompañamento musical.
Con esta interesante aplicación móbil desenvolvida por Defcon Studio temos acceso tanto á versión en español como en inglés do libro electrónico ao que dá forma, que non é o único publicado por Readmusync, compañía que tamén estreou hai poucos meses La maldición de Woodrock: GEMELOS en forma de aplicación para iOS e para Android. Temos así un par de bos exemplos dun formato editorial con certas semellanzas cos audiolibros, pero deixando a lectura en mans do usuario, empregando o son só para facilitar a súa concentración e axudar a disparar a súa imaxinación.


Vídeo promocional do último SincroLibro de Readmusync

PUBLICIDADE