Servizo de balde para localizar portátiles perdidos ou roubados

venres, 18 de xullo do 2008 Raquel Noya

Coñecese como Adeona e conta co respaldo da Universidade de Washington. Este pioneiro servizo de localización de portátiles extraviados ou roubados está baseado en protocolos abertos e, a diferenza doutros servizos semellantes, é totalmente de balde para os seus usuarios.
O seu funcionamento é moi doado. Tan só hai que instalar no ordenador que se quere ter localizado un pequeno programa (dispoñible para Windows Vista e XP, Linux e Mac OS X) que xerará un arquivo de configuración denominado adeona-retrievecredentials.ost. Esa vai ser a clave para o usuario, que deberá empregar conxuntamente coa contrasinal indicada durante a instalación, para poder acceder aos datos de localización do portátil.
Adeona ten a característica de garantir a privacidade dos datos do usuario, de xeito que ninguén, excepto o propietario do ordenador, poida acceder á información rexistrada.
Este servizo rexistra a información da IP así como outros datos básicos acerca da conexión con Internet polo que se algunha vez o usuario perdera o seu laptop, podería utilizar o programa de recuperación para localizalo e poder recuperalo o antes posible.
Neste caso, o programa pedirá que o usuario facilite o arquivo adeona-retrievecredentials.ost xerado durante a instalación e tamén a contrasinal. Con esta información, a ferramenta recuperará información dos servidores onde se almacenan os datos de conexión o que permitirá adiviñar dende onde está conectado o equipo.
A web CanalPDA inclúe un exemplo de información de localización, moi representativo de como funciona este programa onde podemos comprobar que ademais da IP pública e a IP privada, a ferramenta recolle outros datos relativa á configuración da rede onde está conectado o equipo.
No caso de que o ordenador portátil empregue o sistema operativo Mac OS X, ademais da información, o cliente de Adeona tamén fai unha foto do usuario coa webcam integrada, para que quede rexistrada xunto cos devanditos datos.

PUBLICIDADE