Santiago de Compostela xa se pode ver a vista de paxaro dende Windows Live Earth

luns, 26 de novembro do 2007 Marcus Fernández

No pasado mes de maio, Microsoft incorporou o seu servizo de mapas en liña a posibilidade de ver imaxes a vista de paxaro de bastantes cidades españolas entre as que se incluían as galegas Vigo, Lugo, Pontevedra e Ourense, de xeito que se podía dar un paseo aéreo polas mesmas dun xeito diferente ás clásica visión que normalmente chaman “de satélite” aínda que en realidade se trate de fotografías tomadas na vertical. A diferenza que ten o sistema de vista de paxaro é que as fotografías aéreas se toman con certo ángulo, o que engade moita información ós usuarios, xa que non se limita a amosar tellados, xa que presenta parte das fachadas de edificios e monumentos, o que resulta moito máis agradable e orientativo, o que tamén aproveitan empresas coma Blusens no seu novo navegador GPS.
Agora, Microsoft incrementa a súa oferta de cidades españolas en 22, que serían Málaga, Torrevieja, Talavera, Mérida, Mataró, Manresa, Lorca, Gandía, Benidorm, Alcoy, Alacante, Almería, Collado Villalba, Cuenca, El Ejido, Guadalajara, León, Molina de Segura e Santiago de Compostela. Deste xeito, agora nos podemos mover polo ceo compostelán recoñecendo perfectamente a Praza do Obradoiro, a Alameda, os campus universitarios e moitos edificios emblemáticos, convertendo a mera utilidade dos mapas en todo un pracer para a vista que xa conta cun total de 64 cidades españolas.