Sae á venda o libro Los nativos digitales no existen

martes, 24 de xaneiro do 2017 Marcus Fernández

Ante a crenza popular de que as persoas nacidas a partires da década dos 90 criáronse rodeadas de tecnoloxía como os ordenadores e os dispositivos móbiles dominan o uso das TIC non son poucos os que chegan a definilos como nativos dixitais para trazar unha fenda xeracional que consideran insuperable, por entender de que os coñecementos sobre a tecnoloxía dos máis novos nunca poden verse superados polos dos seus proxenitores e educadores, que chegan a entender que os rapaces nacen aprendidos, e non precisas que ninguén os forme axeitadamente en materias tecnolóxicas, o que claramente é unha falacia, e como tal Susana Lluna e Javier Pedreira Wicho decidiron xuntar a varios expertos e divulgadores para escribir un libro colaborativo co obxectivo desbotar o concepto de nativo dixital e así instar a acompañar aos máis novos na súa formación en tecnoloxías da información e a comunicación.
Os autores do libro, que hoxe mesmo chegou ás librarías españolas, sosteñen que as novas xeracións carecen de coñecementos, habilidades ou intereses especiais que os doten de certa superioridade no ámbito tecnolóxico, e na meirande parte dos casos podemos sorprendernos polo seu grao de descoñecemento máis aló de Instagram, Snapchat, YouTube ou o software para descargar contidos audiovisuais, non sendo raro atopar a moitos zoupóns coas TIC, xa que careceron da debida formación, de xeito que en vez de nativos dixitais, o máis correcto sería chamalos orfos dixitais.
Para abordar esta temática os colaboradores da obra (que publícase baixo licenza Creative Commons e doará os seus beneficios por dereitos de autor ao proxecto Mak3rs de Ayuda en Acción) achegan perspectivas moi diferentes, repartidas en dous grandes enfoques: o libro comeza explicando algúns conceptos básicos sobre o mundo que nos tocou vivir, e remata dando voz aos supostos nativos dixitais e a quen se encarga da súa formación nun sistema educativo que non sempre está preparado para tal desafío.
Os diferentes capítulos permiten que coñezamos máis afondo o que normalmente chamamos novas tecnoloxías (pese a non ser tan novas), desmontar a mentira da adicción á Internet, sexamos conscientes da importancia de estar presentes nas redes sociais ou incluso ter unha visión clara dos dereitos e deberes dos mozos na era dixital.
Este interesante e moi recomendable texto conta cunha grande participación galega, e así está coordinado polo mencionado Wicho, prologado por Enrique Dans e cun interesante capítulo sobre accesibilidade de Fátima García Doval, e precisamente a forte presenza galega nas páxinas de Los nativos digitales no existen levará a que o libro se presente en dúas ocasións diferentes na nosa terra: o 10 de febreiro no Airas Nunes de Santiago de Compostela e o 24 de febreiro no museo da Domus (A Coruña).

PUBLICIDADE