Un libro colaborativo persegue desbotar o concepto de nativos dixitais

xoves, 10 de novembro do 2016 Marcus Fernández

Actualmente é habitual dar por sentado que as persoas que naceron a partires de mediados dos anos 90, ao estar afeitos á presenza de ordenadores e outros trebellos electrónicos nas súas vidas, non precisan que ninguén lles ensine a empregalos por seren nativos dixitais, o que resulta preocupante a nivel educativo, xa que os proxenitores destas novas xeración carecen dos coñecementos e ferramentas para instruír axeitadamente aos seus cativos e chegan a entender de xeito errado que é na escola onde teñen que educar aos pequenos sobre as boas prácticas ante as TIC, creando o que algúns chaman orfos dixitais.
Entendendo esta situación Javier Pedreira Wicho e Susana Lluna uníronse para coordinar un libro titulado Los nativos digitales no existen: Cómo educar a tus hijos para un mundo digital, no que dan conta de como os mozos, pese saber manexar numerosas ferramentas para relacionarse cos seus amigos e consumir contidos multimedia, carecen de coñecementos sobre os seus dereitos e deberes na era dixital.
Deste proxecto colaborativo formaron tamén parte Borja Adsuara, Anna Blázquez, Marga Cabrera, Claudia Dans, Enrique Dans, Fernando de la Rosa, Eparquio Delgado, Rebeca Díez, Fátima G. Doval, Juan García, Jordi Martí, Nuria Oliver, Andy Stalman, Dolors Reig e Genís Roca, que reflexionan sobre a necesidade da adquisición de competencias dixitais, principalmente por parte dos pais, para así poder logo transmitilas no ámbito familiar e finalmente a toda a sociedade.
A obra resultante concretouse nun volume de 200 páxinas editado por Deusto, que sairá á venda o 24 de xaneiro de 2017, e que nas últimas horas apareceu en preventa en Amazon.es, de xeito que os interesados en facerse co texto en edición impresa poden adquirilo por 17,05 euros (o prezo recomendado de venda é de 17,95 euros).
Como mostra do que achegará esta publicación podemos ver a charla que impartiu Wicho na pasada edición de TEDxGalicia:

PUBLICIDADE