Sae á venda o Office 2011 para Mac OS X

mércores, 27 de outubro do 2010 Marcus Fernández

Pese a que o paquete ofimático de Microsoft está ligado principalmente aos PC, dentro do mercado maqueiro tamén ten un volume de vendas considerable, e esta semana estrea nova versión para Mac OS X, de xeito que xa pode adquirirse o Office 2011 nunha versión doméstica e para estudantes que inclúe 3 licenzas por só 139 euros, mentres que unha licenza profesional tería un prezo de 249 euros, incluíndo aplicacións de tanto éxito coma Word, PowerPoint, Excel e Messenger, destacando o feito de que a versión profesional inclúe por primeira vez para Mac a aplicación de calendario e correo electrónico Outlook 2011.
Os usuarios que actualmente contan no seu Mac co Office 2008 terán poucos motivos para actualizarse a esta nova versión (como tamén acontece en Windows entre as versións 2007 e 2010), aínda que os usuarios máis intensivos agradecerán as melloras de rendemento, a optimización da interface de uso, as novidades orientadas á Rede (especialmente grazas a Office Web Apps) ou incluso a posibilidade de editar fotografías sen saír do propio paquete ofimático.

PUBLICIDADE