Sae á venda o Nokia N97, un móbil deseñado especialmente para internautas

xoves, 18 de xuño do 2009 Raquel Noya

Aqueles usuarios de telefonía móbil que teñen por costume adqurir sempre o último dispositivo que saíu ao mercado para estar ao día no tocante ás novas tecnoloxías, vano a ter difícil esta semana para escoller entre mercar hoxe o novo Nokia N97 ou agardar a que saia mañá o novo iPhone 3G S, que chega a España da man de Telefónica.
Dende logo é cuestión de gustos, e soamente os máis familiarizados con este tipo de terminais poden ter claro o dispositivo polo que debemos decantarnos no caso de ter que escoller entre un e outro.
O novo Nokia N97, que se dá a coñecer no mercado como “o dispositivo multimedia converxente máis avanzado do mundo”, incorpora a última tecnoloxía de vangarda con múltiples sensores, gran memoria, potencia de procesamento e velocidade de conexión, para que os usuarios poidan estar permanentemente conectados ao seu propio Internet persoal, ademais de poder compartir a súa “localización social” a través do GPS e o compás integrados.
Deseñado especificamente para cubrir as necesidades dos internautas, este dispositivo combina unha pantalla táctil de 3,5” con resolución near high definition, teclado QWERTY esbarante e banda larga móbil 3,5G e Wi-Fi, ofrecendo, en todo momento, a posibilidade de interactuar nas redes sociais de Internet, que tan de moda se puxeron no último ano.
O Nokia N97 introduce o concepto de “localización social”, xa que ao ser un dispositivo multimedia con GPS e compás dixital integrados, pode detectar ónde se atopa en cada momento. As redes sociais poden actualizar o perfil automaticamente coa información xeográfica en tempo real, ofrecento ás persoas autorizadas a posibilidade de visualizar o seu novo “estado” e compartir a súa “localización social” en todas as comunidades de Internet.
Ademais de outras múltiples funcións relacionadas directamente coas redes sociais, como a posibilidade de acceder dende a pantalla principal ás últimas actualizacións dos nosos contactos e ter acceso directo a eles, este dispositivo conta cunha pantalla en formato panorámico de 16:9, a cal se pode persoalizar completamente con aplicacións Widgets actualizadas dos servizos web e sitios de redes sociais favoritos.
O Nokia N97 inclúe 32 XB de memoria interna, ampliables ata 48 XB grazas á ranura externa para tarxetas microSD, unha cámara de 5 megapíxeles con óptica Carl Zeiss e windgets preinstalados que permiten acceder directamente á información en liña dos principais medios de comunicación (sobre todo Elmundo.es e Marca.es, propiedade do Grupo Unidad Editorial con quen Nokia chegou a un acordo para transmitir os seus contidos).
Este novo terminal de Nokia estará dispoñible no mercado por un prezo aproximado de 609€ (IVE incluído) con regalo de 3 meses de navegación GPS e bono de 25€ para adquirir música na tenda de Nokia Music Store.

PUBLICIDADE