Sae á venda Sonic Origins Plus

venres, 23 de xuño do 2023 Marcus Fernández

Os amantes das aventuras do ourizo azul de SEGA poden xa adquirir Sonic Origins Plus, unha colección cos 16 xogos clásicos de Sonic remasterizados para a xeración actual, que pode adquirirse por 39,99 euros en edición física ou dixital con versións para PS5, PS4, Xbox Series X|S, Xbox One, Nintendo Switch e PC (Steam e Epic Game Store).

Sonic Origins Plus engade unha chea de contido novo, como 12 títulos de Sonic para Game Gear (Dr. Robotnik’s Mean Bean Machine, Sonic Blast, Sonic Chaos, Sonic Drift, Sonic Drift 2, Sonic Labyrinth, Sonic Spinball, Sonic The Hedgehog de 8 bits, Sonic The Hedgehog 2 de 8 bits, Sonic Triple Trouble, Tails Adventure e Tails’ Skypatrol) e, por primeira vez, a posibilidade de xogar con Amy Rose en Sonic The Hedgehog 1, 2 e 3 e Sonic CD. Tamén engaden a Knuckles a Sonic CD. Os xogadores que xa teñan Sonic Origins en dixital poderán adquirir un paquete de expansión co novo contido por 9,99 euros.

Esta recompilación permítenos lembrar os grandes xogos que deron lugar a franquía de Sonic, mantendo o seu estilo de acción frenética pero gozando con imaxes remasterizadas (algúns dos xogos poderanse xogar nun modo clásico, coa resolución orixinal, ou no novo modo aniversario coa resolución mellorada e adaptada a pantallas panorámicas), funcións adicionais, novo contido e novos modos para que a experiencia vaia máis aló da recuperación de xogos clásicos, sendo estas novidades un grande incentivo para os incondicionais de Sonic e os seus amigos.

Tráiler de lanzamento de Sonic Origins Plus

PUBLICIDADE