Sae á venda Darksiders Warmastered Edition para Xbox One e PS4

martes, 22 de novembro do 2016 Marcus Fernández

No verán confirmouse que Nordic Games ía recuperar a primeira entrega de Darksiders adaptada a Xbox One e PlayStation 4, para que este título a medio camiño entre The Legend of Zelda e God of War estea ao alcance dos xogadores da actual xeración de consolas.
Así, hoxe sae á venda a 19,99 euros Darksiders Warmastered Edition para Xbox One e PlayStation 4, xogo que métenos na pel de Guerra, o primeiro xinete da Apocalipse, que ten que enfrontarse a unha traizón que o enfronta a anxos vingativos e forzas do Inferno, nunha completa aventura que sentou as bases dunha saga que polo momento ten 2 das 4 entregas previstas (quedando aínda a esperanza de que poida retomarse no futuro).
Esta remasterización de Darksiders conta con gráficos Full HD, texturas ao dobre de resolución que o xogo orixinal, melloras de renderizado, mellor calidade de sombras, efectos de posprocesado e animacións a 60 fotogramas por segundo (tamén haberá unha versión para Wii U, que en tal caso terá que conformarse con animacións a 30 fotogramas por segundo). Toda unha nova oportunidade para achegarse a unha especie de Zelda moderno e adulto, que no seu momento conseguiu destacar polos deseños de Joe Madureira, célebre autor de banda deseñada que deixara temporalmente o seu traballo para Marvel para facer de director creativo nas dúas primeiras entregas desta saga de Vigil Games.

Esta revisión de Darksiders adáptase á potencia das novas consolas de videoxogos

PUBLICIDADE