Sae á venda Call of Duty: Infinite Warfare

venres, 4 de novembro do 2016 Marcus Fernández

Rematou a espera. Un dos shooters máis esperados do ano, Call of Duty: Infinite Warfare xa chegou ás tendas físicas e dixitais nas súas versións para PC, Xbox One e PlayStation 4, achegando esta franquía dun xeito moi especial ás consolas de nova xeración, xa que as edicións Legacy e Digital Deluxe inclúe Call of Duty: Modern Warfare Remastered, unha versión de Call of Duty 4: Modern Warfare adaptada ás novas posibilidades técnicas das consolas actuais.
Infinite Warfare supón un importante cambio na franquía bélica de Activision, xa que leva a acción a todo o Sistema Solar, ou sexa, que a acción irá máis aló do planeta Terra, levando un paso máis aló o concepto de guerra futura que exploraran en anteriores edicións, aínda que mantendo en todo momento o estilo da vella escola, cun multi-xogador sólido e un xa imprescindible modo zombis (que desta volta sorprende con Zombies in Spaceland, un curioso episodio que traslada aos xogadores a un parque de atraccións dos anos 80).
No modo campaña encarnaremos ao capitán Reyes, soldado de nivel 1 de Operacións Especiais, quen deberá liderar un dos últimos buques de guerra da Terra contra un inimigo desapiadado, mentres tenta superar contornos letais e extremos do espazo. Cómpre destacar que algúns dos personaxes están interpretados por coñecidos actores como Kit Harington (Jon Snow en Game of Thrones), quen pon voz e cara ao almirante Salen Kotch, quen dirixe a insurrección.

Tráiler de lanzamento do xogo

PUBLICIDADE