SOGAMA lanza un buscador web que nos resolve dúbidas sobre o correcto depósito de aparellos

venres, 16 de febreiro do 2024 S. P.

A moitos de nós asáltanos ás veces a dúbida de que pasos dar para desfacernos dun aparello electrónico que xa non empregamos, está avariado ou está obsoleto. Para facilitarnos o correcto camiño para o seu tratamento, SOGAMA activou este mes de febreiro un sinxelo buscador (a ferramenta Onde vai?) que achega información precisa sobre cara a onde temos que dirixir cada refugallo.
Especialmente concibido para teléfonos móbiles, tabletas e computadoras, este buscador conta cunha listaxe de 275 residuos nos que se concreta o contedor de destino ou puntos de achega, á vez que ofrece unha explicación sobre os erros máis comúns.
A finalidade última desta ferramenta é “que a poboación conte coa información necesaria para facer unha boa separación do lixo en orixe e contribuír en maior medida á reciclaxe”. Trátase tamén dun recurso de consulta que a compañía pública pon ao dispor dos veciños pertencentes aos 295 concellos adscritos ao seu sistema de xestión co obxectivo de que poidan coñecer, “dunha maneira práctica, rápida, intuitiva e visual”, onde depositar os residuos máis habituais.
A ligazón do buscador xa está activa para que lle tiremos proveito.
Didáctica e divulgativa
En palabras de SOGAMA, trátase dunha ferramenta que se incorpora aos servizos didácticos e divulgativos da entidade ambiental autonómica, “exposta fundamentalmente para formato móbil e cun buscador textual onde podemos identificar e localizar o contedor ou lugar específico ao que levar un determinado refugallo”. A base de datos está formada por 275 residuos, na que se inclúen posíbeis sinónimos e variantes, e cada refugallo está vinculado ao seu contedor ou punto de achega correspondente, ofrecendo ao usuario unha explicación sobre os erros máis habituais que se adoitan cometer á hora de elixir onde depositalo e, no seu caso, unha ligazón á listaxe cos puntos dispoñíbeis a onde carrexalo.

PUBLICIDADE