O 75,85% do tráfico publicitario de X/Twitter durante a Super Bowl podería ser falso

venres, 16 de febreiro do 2024 Marcus Fernández

As estatísticas (non verificadas por terceiros) de X/Twitter durante a Super Bowl poderían ser moi enganosas, xa que preto do 76% do tráfico da plataforma podería ser falso

Como é posible que X/Twitter presuma de resultados extraordinarios durante a Super Bowl cando a percepción do público é que a plataforma está peor que nunca? Pois a resposta a este contraste chega da man de CHEQ, unha firma líder en ciberseguridade especializada en detectar usuarios falsos e bots, que sostén que o 75,85% do tráfico de X/Twitter que chegou ás páxinas web dos anunciantes durante a fin de semana da Super Bowl eran falso.
O director xeral de CHEQ, Guy Tytunovich, asegura que «nunca vin nada remotamente preto do 50%, non digamos do 76%», en relación ao tráfico falso de X, asegurando estar abraiado polos resultado dos seus informes, xa que nunca vira algo que chegase a eses niveis.
O informe de CHEQ baséase na análise de 144.000 visitas ás páxinas web dos seus clientes durante a fin de semana da Super Bowl. Falamos de datos recollidos de 15.000 clientes, o que non é un volume realmente significativo para unha análise científica (lembremos que é a propia X/Twitter a que puxo atrancos para que ese tipo de análises puidese realizarse actualmente, impondo taxas abusivas aos investigadores).
Non é a primeira vez que resultados semellantes saen á luz, pois onte mesmo en The Guardian publicaron como un pequeno negocio fixo un investimento de 50 dólares en publicidade de X/Twitter que se traduciu en 29 mil visualizacións, 230 interaccións e preto de 350 clics que levarían á páxina web do anunciante, e que segundo Google Analytics non xeraron ningunha visita real. Falamos dun dato anecdótico, pero segundo fontes do sector estaría a ser a tónica habitual na plataforma de Elon Musk, que mentres di loitar contra os bots parece facer todo o contrario, converténdose no medio menos fiable para o investimento publicitario.
Dende CHEQ aseguran que o nivel de tráfico falso que chegou aos seus clientes dende as plataformas sociais durante a Super Bowl está moi lonxe do de X/Twitter. Por exemplo, dos máis de 40 millóns de visitas de TikTok só serían falsas o 2,56%, das 8,1 millóns de visitas de Facebook o 2,01% e das 68.700 visitas de Instagram o 0,73%.
Se en vez de cinguirnos aos datos da Super Bowl analizamos os resultados de todo o mes de xaneiro teríamos niveis de tráfico falso un chisco diferente (2,8% de TikTok, 2% de Facebook e 0,96% de Instagram) aínda que X/Twitter segue a estar moi lonxe do resto cun 31,85% do tráfico falso.

PUBLICIDADE