Un centenar de persoas participaron no 3º obradoiro de HumanIA da UDC

xoves, 14 de marzo do 2024 S. P.

Ao redor de cen persoas participaron este mércores 13 de marzo no terceiro obradoiro de HumanIA da Universidade da Coruña, ciclo formativo organizado polo Consello Social e a Facultade de Humanidades da UDC, en colaboración co Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e a Comunicación (CITIC).
A experta en tecnomarketing, innovación e branding, Ruth Falquina, impartiu o taller que levou por título Intelixencia Artificial e Creatividade: como potenciar o teu talento, no que compartiu cos asistentes a súa experiencia á fronte dunha axencia especializada en creatividade aumentada, Estado Latente, da que tamén é co-fundadora.
O terceiro obradoiro de HumanIA UDC profundou nos aspectos máis relevantes da co-creación humano-máquina máquina-humano a través dunha serie de ferramentas e aplicacións que están a resultar “de utilidade e outras profesións con inquietudes creativas”, sinalou Falquina, que mostrou aos asistentes, a través do uso dos seus propios computadores na sala, as disciplinas e tecnoloxías que están dispoñíbeis para aplicarse ao branding e a industria das ideas a través de ferramentas como ChatGPT4 e Freepik. Este taller estivo dirixido a creadores, estrategos, artistas, publicistas, consultores, pemes e calquera profesional ou estudante con interese por desenvolverse no ámbito creativo.
A actividade práctica enmárcase no ciclo formativo HumanIA UDC: o desafío para as Humanidades en tempos da Intelixencia Artificial, lanzado no pasado mes de setembro, e que ten como obxectivo mostrar o impacto e potencia das tecnoloxías intelixentes nos estudos e nos postos de traballo relacionados coas Humanidades.
Ata o momento, máis de 400 asistentes participaron nos talleres de HumanIA nos que se abordaron tamén a regulación da IA e casos de uso no mercado laboral de Chat GPT e outras aplicacións.

PUBLICIDADE