Ryanair achega un servizo para recibir chamadas de balde no estranxeiro

martes, 15 de febreiro do 2011 Fernando Sarasketa

A compañía de voos de baixo custe Ryanair anunciou onte, 14 de febreiro, a posta en marcha dun servizo de balde de telefonía móbil, exclusivo para a recepción de chamadas e mensaxes durante as estadías dos usuarios no estranxeiro. Segundo a firma con sede en Irlanda, o servizo en cuestión é cen por cen pioneiro no mundo no que a prezos se refire. A oferta, que se pon en marcha coa axuda de Maxroam, está xa a disposición dos arredor de 78 millóns de pasaxeiros que Ryanair ten no planeta, “que poden seguir aforrando á hora de facer chamadas e enviar mensaxes coa tarxeta SIM de Maxroam”, informa a compañía.
Por certo que esta tarxeta, engade, achega unha tarifa fixa de 29 céntimos por minuto para facer chamadas e 9 céntimos para enviar mensaxes de texto estándar ou SMS, en 43 países europeos. Para acceder a estas ofertas, os pasaxeiros deberan mercar un paquete que inclúe o teléfono, a tarxeta SIM e 10 euros de crédito para facer chamadas, todo por un prezo de 29 euros que se poden abonar na páxina web da empresa.

PUBLICIDADE